sexta-feira, 18 de junho de 2010

Milladoiro - Música de raízes Galaicas

“Coñecíamonos de tempo atrás, algúns dos comezos da década dos 70, outros de toda a vida”




Tres levaban percorrendo Galicia nas romarías, nas festas, nos teatros... sempre en contacto cos vellos gaiteiros herdeiros directos da tradición: Os Campaneiros, os irmáns Garceiras, os Areeiras, os Rosales e un longo etcétera foron colegas, mestres e compañeiros. Son Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei que formaban “Faíscas do Xiabre”, grupo de música tradicional nacido á beira do Ulla, en Catoira, que deixou un fermoso disco titulado “In Memoriam”.





Doutra banda estaban dous músicos que anos antes colleran a teima das sonoridades e instrumentos medievais. Naquela época a zanfona, a cítola, a ocarina, o freixolé converteron os seus pasos nunha especie de peregrinaxe por Galicia adiante buscando quen as tiña, quen as facía, onde se podían atopar. Eran tempos non abondosos e a inquedanza era testemuño dunha realidade precaria, pero aínda así apostaron por emprender o camiño. Son Rodrigo Romaní e Antón Seoane. Froito do seu traballo naceu o disco “Milladoiro”, Premio da Crítica no ano 78.





Coñeceron a quen nese tempo botaba a andar o cerne do futuro Grupo de Cámara da Universidade de Compostela. Fondos musicais de catedrais e arquivos de música antiga eran o seu afán, e así pasaron de cinco a seis coa chegada de Xosé A. Méndez. Tan só faltaba atopar violinista, tarefa case que imposible na Galicia de entón, mais a emigración foi xenerosa e devolveu ao país a quen marchara no seu día: Laura Quintillán, violinista de Milladoiro nos anos 79 e 80. Posteriormente substituída por Michel Canada.



Actualmente o posto de violinista na formación vén sendo ocupado por Harry.c.



No ano 2000, prodúcese no grupo o relevo de Rodrigo Romaní coas incorporacións do harpista Roi Casal e mais do guitarrista Manú Conde.




“Compartíamos e compartimos a paixón pola música e polo noso país, pero sendo conscientes de que o camiño, o emblemático camiño de Santiago, é vía de dúas direccións e de aí o noso nome. Os milladoiros que guiaban os pasos dos peregrinos que se achegaban a Galicia, permitíronnos abrirnos ás moitas influencias que enriqueceron esta esquina de Europa.



Somos e sentímonos de aquí na medida en que cremos coñecer e respectamos o mosaico temporal-espacial rico e diverso en que vivimos. Non pretendemos proclamas coa música, tan só divertir e divertirnos con este tesouro que son as melodías que esta terra nos legou, froito de xeracións anónimas de músicos tradicionais.



A nosa ilusión sería devolver o moito recibido en forma de música fermosa e viva que nos axude como país a manter un lugar de identificación colectivo que nos permita seguir existindo baixo o irremediable manto da aldea global.





Así foi e segue sendo a nosa pequena historia, a historia que empezou no outono de 1978 e que demos a coñecer por vez primeira un 15 de maio de 1979 no Auditorio dos Salesianos da Coruña.”


Fonte http://www.milladoiro.com/



Um Abraço Galaico

Sem comentários:

Enviar um comentário